A Nosa Xente é un colectivo integrado por voluntarias, activistas e organizacións sociais da cidade de Vigo que nace co obxetivo de levar a cabo unha importante campaña de recollida de materiais para axudar a paliar a inhumana situación que se está vivindo nas fronteiras gregas coas persoas que fuxen da guerra en Siria e outros países do entorno.

A campaña levarase a cabo na cidade de Vigo entre os días 28 de marzo e 2 de abril do 2016, ambos inclusive. Previamente, o próximo venres día 18, ás 19.00, no CSOA da Rede de Solidaridade Popular de Vigo, situado en Avda. Hispanidade nº 73, celebrarase unha xuntanza con todas aquelas persoas que queran colaborar na campaña. En dita xuntanza informaremos ás voluntarias das distintas tarefas necesarias e organizaremos os grupos de traballo.


Colaboramos coa ONG Alhambra Internacional, asociación sen ánimo de lucro cuxa finalidade é combater a pobreza e a desigualdade, que presta asesoramento e xestiona a entrega dos materiais recollidos nos lugares onde máis falla fan (actualmente, Lesbos e Idomeni). Esta ONG ten acordos de colaboración pechados con distintas empresas para garantir a entrega das doazóns nun curto prazo de tempo e coas máximas garantías.

Non podemos quedar cruzados de brazos mentres a pasividade dos distintos países europeos comete un xenocidio do que son vítimas inocentes mulleres, homes e nenas que só buscan vivir en paz afastados dunha guerra e uns conflitos que lles son alleos. Por iso, dende A Nosa Xente, vos convidamos a todas e todos a sumarvos a esta campaña solidaria que, de seguro, será un éxito e amosará aos gobernantes europeos o afastados que se atopan do sentir das súas xentes.

¡BENVIDAS Á NOSA XENTE!